ÁLEX FIÚZA URXE A TABOADA A CONVOCAR A COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO SAF APROBADA NO PLENO ORDINARIO DE MARZO
“Mentres o goberno local malxestiona, as traballadoras do SAF teñen peores condicións laborais e a lista de agarda dos usuarios aumenta”.
No último pleno ordinario deste mandato, no mes de Marzo, o BNG de Vila de Cruces propuxo e logrou que se aprobase por unanimidade unha moción para a mellora do Servizo de Atención no Fogar (SAF). Acordouse en pleno convocar a comisión de seguimento semestral coa empresa, onde deben estar representantes sindicais e voceiros dos diferentes grupos da corporación. Dita comisión está recollida nos pregos do concurso de 2020 e non estivo a cumplirse por parte do goberno local. Álex Fiúza lembra a Taboada que xa pasaron os 15 días para convocar unha comisión extraordinaria, onde revisar a situación actual das traballadoras en canto ao cumplimento do convenio laboral, xa que é o mínimo que se lle pode esixir a Sociser.
Un concello como Vila de Cruces, onde a poboación avanza cara unha media de idade cada vez máis alta, provoca que o número de persoas dependentes aumente. O BNG aposta por gobernar para mellorar os servizos, aposta por incrementar o plantel de traballadoras en condicións óptimas, dende a institución, para prestar un servizo de garantías aos nosos maiores, e que deixen de estar en mans privadas que afogan a usuarias e traballadoras co fin de exprimir o máximo rendemento económico.