O BNG denuncia o abandono absoluto do centro de saúde de Vila de Cruces catro meses despois do compromiso incumprido do Sergas
O Bloque Nacionalista Galego de Vila de Cruces denuncia a situación límite que seguen sufrindo tanto pacientes como profesionais no centro de saúde do concello, cando xa pasaron catro meses desde que o xerente do Sergas se comprometeu no Parlamento Galego a visitar as instalacións e buscar solucións. Ata hoxe, esa visita non se produciu, non houbo ningún contacto oficial e non se adoptou ningunha medida para corrixir as múltiples deficiencias estruturais do edificio: goteiras, humidades, chans levantados, paredes con mofo e problemas graves de seguridade.
Desde o BNG critican que, mentres a Xunta incumpre a súa palabra, o alcalde de Vila de Cruces négase a solicitar un convenio coa Consellaría de Sanidade, a única vía realista para acometer as obras necesarias nun edificio compartido entre ambas administracións.
O portavoz do BNG no concello, Alex Fiúza, denuncia:
"Estamos ante un abandono institucional absoluto. As instalacións son inseguras e indignas, e a situación do persoal sanitario é desesperante. Non só teñen que enfrontarse a humidades e goteiras, senón que tamén deben asumir a carga de baixas e vacacións sen cobertura, como aconteceu nos últimos meses. O resto do equipo médica vése sobresaturado e sobrecargado, o que pon en risco a atención das veciñas e veciños."
A situación no interior do centro é xa indigna dun servizo público esencial. O persoal vese obrigado a:
- colocar caldeiros nos corredores cando chove,
- secar a auga con toallas,
- poñer cartóns no chan para evitar esvaróns e accidentes,
- traballar en dependencias con humidades e mofo,
- e atender pacientes en condicións que non garanten nin a seguridade nin a dignidade mínima.
Fiúza engade:
"Non estamos pedindo luxos nin caprichos: pedimos unhas instalacións seguras, un convenio para facer obras e cobertura de persoal cando hai baixas ou vacacións. Que se cumpran os compromisos adquiridos polo xerente do Sergas e que o alcalde deixe de mirar para outro lado."
O BNG lembra que no Parlamento Galego xa se advertiu de que estas condicións expulsan profesionais, deterioran a atención sanitaria e contribúen ao despoboamento. “Despois do compromiso público do xerente do Sergas, o mínimo esixible era actuar. Pero nin visita, nin obras, nin explicacións. Só silencio.”
Desde o BNG de Vila de Cruces esixen:
- o cumprimento inmediato do compromiso adquirido polo Sergas,
- a visita urxente ás instalacións,
- a apertura dun proceso real de negociación para asinar un convenio Concello–Xunta,
- e o inicio inmediato das obras necesarias.
"Non estamos falando de luxo, senón de poder traballar e ser atendidos sen cubos, sen toallas no chan e sen medo a esvarar nun corredor dun centro sanitario público", conclúe Fiúza.