O BNG ESIXE ACTUACIÓNS INMEDIATAS DA XUNTA DE GALIZA PARA DIGNIFICAR A ATENCIÓN SANITARIA EN VILA DE CRUCES

Unha iniciativa rexistrada no Parlamento galego reclama reformas urxentes, dotación sanitaria e máis implicación do goberno local

O BNG ESIXE ACTUACIÓNS INMEDIATAS DA XUNTA DE GALIZA PARA DIGNIFICAR A ATENCIÓN SANITARIA EN VILA DE CRUCES

O BNG esixe solucións urxentes ante o deterioro das instalacións sanitarias en Vila de Cruces e Merza. Trala visita do portavoz municipal, Alex Fiúza, e da deputada Ariadna Fernández ao centro de saúde, o grupo nacionalista presentou unha Proposición Non de Lei no Parlamento Galego para reclamar melloras inmediatas.

 

O BNG solicita á Xunta que acometa reformas para eliminar as goteiras, humidades e deficiencias estruturais; que se reforce a seguridade da pasarela de entrada; que se amplíe e ilumine correctamente a sala de urxencias; que se dote a pediatría de material específico para as crianzas, cambiadores nos aseos; que se incorpore un carro de parada cardíaca; e que se reúna co persoal sanitario para avaliar as necesidades reais do centro.

 

No caso de Merza, pídese mellorar a iluminación, renovar o estado das paredes e instalar sinalización exterior adecuada.

 

O BNG lembra que en maio o pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción sobre esta situación, e insiste en que o Concello tamén debe actuar, xa que parte das instalacións afectadas –como o consultorio de Merza e a planta inferior ao centro de saúde– son de titularidade municipal.

 

“O abandono da Xunta é evidente, pero tamén é hora de que o goberno local asuma a súa parte de responsabilidade e actúe xa”, declarou Alex Fiúza.

O BNG ESIXE ACTUACIÓNS INMEDIATAS DA XUNTA DE GALIZA PARA DIGNIFICAR A ATENCIÓN SANITARIA EN VILA DE CRUCES