O BNG LEVA A DEBATE NO PARLAMENTO GALEGO A REPOSICIÓN DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN VILA DE CRUCES.
O voceiro Alejandro Fiuza e a concelleira do BNG de Vila de Cruces Beatriz Gómez, rexistraron no Parlamento, xunto coa voceira Nacional Ana Pontón e as deputadas Montse Prado e Iria Carreira, o martes 9 de novembro, máis de 1.400 sinaturas de veciñas e veciños de Vila de Cruces, reclamando o restablecemento do servizo completo de pediatría.
Dende o BNG queremos dar as grazas pola implicación da veciñanza e dos negocios do concello con respecto á recollida de sinaturas, xa que entenderon dende un primeiro momento a necesidade da mobilización social para reclamar o restablecemento deste servizo.
Este xoves 11 de novembro o BNG levará a debate unha proposición non de lei para instar ao Goberno Galego a garantir unha atención pediátrica de calidade ás crianzas do concello de Vila de Cruces, para o que debe repoñer de inmediato o servizo de pediatría no seu centro de saúde na totalidade do horario.
O deterioro permanente da Sanidade Pública faise patente con situacións coma a que está a vivir a sociedade de Vila de Cruces, coa minimización do servizo de pediatría dende comezos do mes de outubro, e que dende o BNG somos coñecedores de primeira man das numerosas queixas que nos fan chegar as familias usuarias con respecto á limitadísima franxa horaria de atención, e as dificultades que atopan no caso de ter que acudir ao servizo no momento dunha urxencia fora do horario establecido.
GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE VILA DE CRUCES
Mércores 10 de novembro de 2021