O BNG PIDE O APOIO DO PLENO PARA MELLORAS NO POBOADO MINEIRO DE FONTAO.

Fiuza reclama do goberno municipal maior implicación e un mellor mantemento das instalacións e do entorno dun espazo único, que debera ser referencia patrimonial e turística no país.

O Poboado Mineiro de Fontao foi construído no ano 1954 para dar vivenda ao persoal da mina, un espazo  con vivendas para as persoas obreiras, para as persoas capataces, para a parella de mestres, cun cine, unha igrexa e unha escola.

A súa construción coincidiu en tempo co declive da demanda do wolframio, polo que non tardou en quedar case abandonado… dise que case, porque sempre viviron nel algunhas familias ás que a empresa da mina alugaba as vivendas

É un espazo moi peculiar tanto pola importancia histórica da mina, como polo seu estilo arquitectónico, motivo polo que é considerado un espazo patrimonial.

Despois de anos de abandono, foi adquirido pola Xunta no ano 2000, elaborando un plan especial para a súa recuperación que se aprobou no 2002. Rematouse a rehabilitación das vivendas no 2004 para ser destinadas a vivendas de protección autonómica; as vivendas foron adxudicadas en decembro de hai 20 anos.

Nunha segunda fase, rehabilitáronse as escolas, o cine e a igrexa, estes dous últimos para ser un museo que no seu día foi obxecto do despilfarro sen contido polo Partido Popular e que agora, é un cúmulo de gastos sen beneficios para o concello pola mala xestión tamén do Goberno actual de Luis Taboada.

O abandono non se limita ás dependencias do museo, senón que se estende ao resto dos espazos comúns do poboado, con bancos estragados, con alumeado en condicións deplorables e que constitúen un perigo para as persoas, cun mantemento das zonas verdes pouco frecuente, cunha recollida de lixo insuficiente, con bloques de vivendas restauradas e outros sen restaurar.

Debido a esta situación o BNG volveu presentar unha nova iniciativa no pleno ordinario do 31 de xaneiro, que foi apoiada polo pleno, na que se demandaba ao goberno municipal o aproveitamento racional e rendible do conxunto museístico, facendo as reparacións pertinentes e dotándoo dunha colección acorde ao espazo, que converta Fontao nun referente turístico da memoria, un espazo de lecer e aprendizaxe para a veciñanza así como para as persoas visitantes, o mantemento dos espazos comúns, revisando todo o alumeado público, para retirar e substituír os elementos lumínicos que están estragados, coa mellor premura posible, pola perigosidade que supoñen.e solicitar información ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) sobre os plans que hai sobre a restauración dos bloques de vivendas que están sen rematar, e solicitar axilización do proceso, xa que a estética actual do Poboado Mineiro de Fontao non atende ao seu valor patrimonial.