O BNG DE VILA DE CRUCES DEMANDA UNHA REUNIÓN COS RESPONSABLES DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN

"O BNG defende un rural vivo, con colexios adaptados ás necesidades do século XXI, e edificios públicos útiles para a veciñanza" afirma o voceiro Fiuza.

Os centros educativos en Cruces sofren o abandono do goberno local e tamén da Xunta. Ignóranse problemáticas históricas demandadas polas familias usuarias durante décadas, e que cada ano os nacionalistas presentan en forma de enmendas aos orzamentos da Xunta.

Tras o peche do CEIP DE MERZA, cun silencio sepulcral por parte do goberno local, do cal, xa se auguraba dende hai anos por non reclamar melloras de servizos de conciliación, como o servizo de comedor. Vila de Cruces atópase cun centro rural como é o CEIP CERDEIRIÑAS de Piloño, con parte das instalacións deterioradas debido ao abandono de Xunta e Concello, ao igual que o CEIP NOSA SEÑORA DA PIEDADE. No que o goberno local deixa escapar oportunidades de financiamento como a subvención das pistas multideportivas, por falta de previsión e preocupación.

 Dende o BNG demándase ao alcalde Luis Taboada que solicite, de xeito urxente, á Conselleria de Educación  unha reunión coa representación de todos os grupos da corporación, para atallar as distintas problemáticas, como as instalacións do Pavillón do CEIP CERDEIRIÑAS, a instalación das tuberías, o cambio das ventas con amianto, o acceso á pista deportiva... así como melloras para o acceso aos centros, xa que a distancia que o alumnado ten que percorrer é o suficientemente longa para coller boas molladuras durante o inverno.

Á súa vez, o BNG reclama explicacións ao grupo de goberno pola nula xestión no peche do CEIP de Merza. Polo que o grupo do BNG demanda a negociación coa Xunta para a concesión das instalacións, co fin de darlle unha segunda oportunidade ao centro, consensuada coa veciñanza e asociacións.