O BNG de Vila de Cruces denuncia a incoherencia do goberno municipal na contratación de artistas contrarios aos valores da igualdade

O BNG de Vila de Cruces quere expresar publicamente o seu profundo desacordo coa decisión do goberno municipal de contar con Carlos Baute como artista convidado na festa do Galo de Curral.

Desde a nosa organización xa consideramos un erro a contratación previa de Bertín Osborne, unha figura pública coñecida por realizar declaracións e manter posicionamentos que contribúen á reprodución de estereotipos machistas e que resultan incompatibles cos avances acadados en materia de igualdade. Naquel momento quixemos pensar que se trataba dunha decisión pouco reflexionada ou motivada polo descoñecemento das implicacións que podía ter.

Con todo, a contratación de Carlos Baute despexa calquera dúbida. O executivo municipal tivo a oportunidade de rectificar e optar por unha programación máis coherente cos principios que, teoricamente, defende o propio Concello. Lonxe diso, decidiu insistir nun modelo de contratación que normaliza referentes públicos asociados a discursos e posicionamentos afastados dos valores de igualdade, respecto e convivencia democrática e próximos aos valores da ultradereita.

Resulta especialmente preocupante que esta decisión sexa adoptada por unha administración que destina recursos públicos de toda a veciñanza á promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, que conta cun Plan de Igualdade e que afirma apostar pola incorporación transversal da perspectiva de xénero nas súas políticas públicas.

A igualdade non pode limitarse á elaboración de documentos ou á realización de campañas puntuais. Debe traducirse tamén nas decisións cotiás e no uso responsable dos recursos públicos. As programacións culturais e festivas transmiten valores, xeran referentes e contribúen a construír o modelo de sociedade que queremos promover.

Por iso, desde o BNG de Vila de Cruces consideramos que estas contratacións representan unha evidente incoherencia entre o discurso institucional e a práctica política do goberno municipal. Reclamamos unha programación cultural que sexa coherente cos compromisos adquiridos polo Concello en materia de igualdade e que contribúa a promover referentes acordes cos valores de respecto, inclusión, non discriminación e avance social que a cidadanía merece.