O BNG DE VILA DE CRUCES FAI PÚBLICAS AS EMENDAS AOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2024
“É fundamental investir na reordenación do territorio, para xerar espazos onde asentar proxectos agroforestais e industriais” afirma o portavoz nacionalista Fiuza.
Para combater a nula proposta en Vila de Cruces do Goberno do PP na Xunta, o BNG presentamos unha serie de emendas aos Orzamentos de 2024, imprescindibeis para a reactivación económica e poboacional do noso concello.
As emendas presentadas céntranse en dous factores fundamentais para poñer a Vila de Cruces no centro do país, como son a reordenación do territorio coas parcelarias en varias parroquias co fin de redimensionar as explotacións xa existentes e facilitar a implementación de outras novas , o acondicionamento de terreo para asentamento de actividade empresarial e industrial a través do acondicionamento dos polígonos, e a mellora de servizos básicos e vitais, como o abastecemento e saneamento dos núcleos rurais, e a mellora dos centros educativos.
1.200.000€ para o inicio das concentracións parcelarias nas parroquias de Carbia, Loño, Arnego e Toiriz, posto que se trata de parroquias con excesivo minifundismo, con importantes masas forestais e explotacións gandeiras, así como con terreos de alta calidade para a producción hortícola, que precisan un reordenamento do territorio, co fin de mellorar o dimensionamento das explotacións e previr incendios que serían letais para a producción forestal.
1.000.000€ de investimento para iniciar a urbanización dos terreos destinados ao Polígono Agro - Forestal de Aguillóns, xa que na actualidade Vila de Cruces tan só dispón deses terreos para fin industrial de caracter público. Dentro deste apartado, tamén se contempla a ampliación dos terreos no Polígono do Camballón.
3.500.000€ para a creación de traídas de auga e saneamento nos núcleos rurais. Captación de auga no río Ulla para o 50% do territorio do concello, e creación de redes de saneamento.
250.000€ para as melloras do C.E.I.P. CERDEIRIÑAS DE PILOÑO e a reforma integral do C.E.I.P. NSA. SRA. DA PIEDADE EN VILA DE CRUCES.
Arranxo na estructructura do pavillón do colexio de Piloño. Sustitución de fiestras con elementos de amianto, reformas nos aseos, acondicionamento dun corredor para resgardarse dende a parada de bus ao centro escolar…
Reforma integral do CEIP Nosa Señora da Piedade de Vila de Cruces, co fin de unificar todas as aulas de educación infantil e educación primaria nun só edificio, para evitar o desprazamento diario de máis de 300m á intemperie das crianzas de 3 a 6 anos para acudir ao comedor escolar.
Vila de Cruces. 9 de decembro de 2023