O BNG de Vila de Cruces pide adaptar o PLAN CONCILIA DE VERÁN ás necesidades reais diversificando o servizo e ampliando as prazas para cubrir a demanda

Álex Fiuza considera que o Concilia de verán non cubre a demanda real, posto que xa na primeira quincena son 27 as crianzas que quedan excluídas do servizo.

O BNG de Vila de Cruces demanda a necesidade de adaptar o PLAN CONCILIA DE VERÁN á realidade que hai no concello.

 

Na actualidade, co financiamento que se destina a este plan, a empresa que se encarga deste servizo só pode atender a 70 crianzas, fronte ás perto de 300 que hai  matriculadas nos centros educativos do concello e ás 97 solicitudes presentadas para a primeira quincena.

Un dos principais motivos da problemática que se presenta é a parte económica, polo que non é suficiente para diversificar o servizo debido á dispersión poboacional e ás necesidades dos usuarios e usuarias.

 

Dende o BNG apostamos por dar prioridade a satisfacer a conciliación das familias demandantes, polo que se precisa maior inversión para contratar máis persoal, co fin de acoller a máis crianzas e poder atender ás distintas necesidades especiais dos usuarios, así como reformular o proxecto, dando cabida a poder ofrecer o servizo Concilia de Verán noutros espazos onde se poida acoller un maior número de crianzas, xa que na actualidade o servizo centralízase entre o pavillón municipal e as piscinas.

 

COMUNICACIÓN BNG VILA DE CRUCES. 27 de xuño 2024.