O BNG de Vila de Cruces pide responsabilidade institucional e garantías para usuarias e traballadoras do SAF

“Queremos trasladar a preocupación pola xestión e pola comunicación realizada polo goberno municipal en relación cos casos de sarna noruega detectados no Servizo de Axuda no Fogar (SAF)” comenta o portavoz do BNG Alex Fiúza.

No BNG consideramos que, aínda sendo necesario actuar con rapidez e aplicar os protocolos sanitarios establecidos, o comunicado emitido polo Concello non estivo á altura da responsabilidade institucional que se lle presume.

Sinalar directamente ao SAF como foco da situación, sen matices nin contexto suficiente, contribúe a xerar alarma social e a poñer o foco sobre un colectivo de traballadoras que xa sofre condicións laborais complexas, provocando rexeitamento inxusto cara elas.

Queremos ser claros: a prioridade debe ser sempre a protección da saúde tanto das persoas usuarias como das traballadoras. Neste sentido, cómpre recoñecer que as traballadoras do SAF contaron cos equipos de protección individual (EPI) facilitados pola empresa, cumprindo así coas medidas básicas de prevención. Porén, isto non elimina a necesidade de seguir reforzando a formación, os protocolos de actuación e a coordinación institucional para facer fronte a situacións de risco biolóxico con todas as garantías.

Ao mesmo tempo, cómpre reflexionar sobre a resposta adoptada. A suspensión do servizo, aínda que sexa de maneira preventiva, ten un impacto moi importante nunha poboación especialmente vulnerable. Hai persoas usuarias do SAF que non contan con alternativas de coidado, polo que calquera interrupción do servizo pode supoñer un risco engadido para o seu benestar e a súa saúde.

Por iso, dende o BNG defendemos que se deben establecer mecanismos que permitan garantir a continuidade do servizo en condicións de seguridade, evitando na medida do posible a súa paralización. Isto pasa por unha mellor planificación, dotación de recursos e coordinación entre administracións.

Así mesmo, o noso voceiro Álex Fiúza sinala que esta situación tamén evidencia as carencias estruturais dun modelo no que un servizo esencial depende de empresas externas e dunha financiación insuficiente. A Xunta de Galicia, como administración competente, non pode eludir a súa responsabilidade á hora de garantir que os concellos dispoñan dos recursos necesarios para prestar este servizo en condicións dignas e seguras.

Dende o BNG de Vila de Cruces esiximos:

- Unha rectificación na forma de comunicar este tipo de situacións, evitando estigmatizar ás traballadoras.

- Reforzo dos protocolos, da formación e da coordinación institucional, mesmo existindo subministración de EPI.

- Medidas concretas para asegurar a continuidade do servizo, especialmente nos casos de persoas sen alternativa asistencial.

- Maior implicación e responsabilidade da Xunta de Galicia no financiamento e supervisión deste servizo.

O coidado das persoas máis vulnerables e a dignidade das traballadoras non poden quedar en segundo plano. É responsabilidade das administracións estar á altura.

BNG de Vila de Cruces