O BNG de Vila de Cruces pregunta ao goberno se ten coñecemento do verquido denunciado a semana pasada.

O martes pasado coñecíamos a denuncia pública dun veciño sobre un suposto vertedoiro no monte que hai camiño da estrada da Bandeira.

Vila de Cruces 21 de outubro 2024.- O martes pasado coñecíamos a denuncia pública dun veciño sobre un suposto vertedoiro no monte que hai camiño da estrada da Bandeira, no cal sospeita que entre os escombros se atopen os restos dunha obra pública dun concello limítrofe.

Por este motivo, o BNG de Vila de Cruces pregúntalle ao goberno local se ten coñecemento deste vertedoiro, mesmo se existe algún tipo de licenza solicitada, ou algunha concesión feita para poder depositar restos de residuos de obra nalgunha parcela da localidade.

De non existir ningún tipo de licenza, debera ser un caso a investigar, xa que as empresas concesionarias de obras públicas, cobran a maiores por realizar a xestión dos residuos, ademáis de que de ser certa esta denuncia, supón un perigo ambiental por mor das filtracións, sobre todo a acuíferos próximos.

 

NOTA: a foto non se corresponde con ningún vertedoiro.