O BNG de Vila de Cruces reclama a mellora urxente da ponte do Muíño da Balsiña en Toiriz
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu voceiro local Álex Fiúza, vén de esixir ao Concello de Vila de Cruces unha actuación urxente de mellora e conservación da ponte do Muíño da Balsiña, situada na parroquia de Toiriz, debido ao seu avanzado estado de deterioro.
“A ponte é unha infraestrutura de gran valor tanto para a veciñanza como para pescadores e sendeiristas que frecuentan a zona, e agora mesmo presenta un perigo evidente para o tránsito peonil”, sinalou Fiúza. Desde o BNG alertan de que o paso do tempo e a falta de mantemento provocaron un deterioro que compromete a seguridade das persoas usuarias, ademais de representar un retroceso na posta en valor do patrimonio natural e cultural do municipio.
A formación nacionalista lembra que este enclave non só é utilizado pola poboación local, senón que forma parte de roteiros naturais e zonas de pesca recreativa que atraen visitantes, contribuíndo así á dinamización económica da contorna. “É incomprensible que un espazo cun potencial turístico, ambiental e social coma este estea completamente abandonado”, engadiu Fiúza.
O BNG de Vila de Cruces insta ao goberno municipal a actuar sen máis demoras, acometendo labores de reparación e consolidación da ponte, así como unha limpeza e sinalización axeitadas da contorna. Ao mesmo tempo, solicita que se estude a posibilidade de incluír esta intervención en programas provinciais ou autonómicos de conservación do patrimonio rural.
“A necesidade de mellora da ponte do Muíño da Balsiña non pode seguir agardando, como tampouco poden seguir agardando o resto dos espazos naturais e patrimoniais do noso concello. Non estamos ante un caso illado. É unha cuestión de responsabilidade, de coidado do noso medio e de respecto pola xente que vive e goza destas paraxes”, concluíu o voceiro do BNG.
Desde o BNG tamén se reclama que o Concello de Vila de Cruces chegue a un acordo co Concello de Agolada para financiar conxuntamente este investimento, sexa mediante fondos propios ou a través de axudas das consellerías de Medio Ambiente ou Infraestruturas. “O que non pode facer o goberno municipal é seguir botando balóns fóra”, sinalan desde a formación.