O BNG DE VILA DE CRUCES URXE AO ALCALDE A ACTUAR PARA GARANTIR AUGA SEGURA E TRANSPARENCIA COA VECIÑANZA

O BNG de Vila de Cruces manifesta a súa preocupación polo grave estado da auga da rede de abastecemento do río Arnego, que chega ás casas turbia e en condicións que poderían supoñer un risco para a saúde pública.

O BNG DE VILA DE CRUCES URXE AO ALCALDE A ACTUAR PARA GARANTIR AUGA SEGURA E TRANSPARENCIA COA VECIÑANZA

Segundo o voceiro municipal, Álex Fiuza, a situación mantense dende hai varias semanas, sen que o Concello ofrecese información clara nin unha solución efectiva á veciñanza afectada. “Non é admisible que o goberno local siga sen explicar o que está a pasar nin garantir que a auga é segura para o consumo”, denuncia Fiuza.

O problema afecta a todas as parroquias abastecidas pola rede do Arnego, desde o núcleo urbano de Vila de Cruces ata zonas máis afastadas como Fontao. O BNG esixe ao alcalde que actúe con responsabilidade, realizando de inmediato as analíticas necesarias e informando con transparencia dos resultados á cidadanía.

Así mesmo, a formación nacionalista reclama que se interveña urxentemente na rede de abastecemento e saneamento, visiblemente deteriorada, para asegurar o subministro de auga limpa e en condicións óptimas en todos os fogares do municipio, evitando que esta situación se repita.

“A veciñanza ten dereito a saber o que está a beber e a confiar na calidade da auga que chega ás súas casas. O silencio e a falta de reacción do alcalde non están á altura do que Vila de Cruces merece”, conclúe Fiuza.

O BNG DE VILA DE CRUCES URXE AO ALCALDE A ACTUAR PARA GARANTIR AUGA SEGURA E TRANSPARENCIA COA VECIÑANZA