COMUNICADO SOBRE O SERVIZO DA BIBLIOTECA MUNICIPAL
O BNG de Vila de Cruces reclama ao goberno local que dea un servizo completo da Biblioteca municipal.
Álex Fiuza propón a creación dunha bolsa de emprego municipal para cubrir as baixas que se xeran nos servizos administrativos do Concello.
O servizo da Biblioteca leva pechado case dous meses por causa dunha baixa laboral. O concello en lugar de sustituír a esa persoa para seguir mantendo o servizo, foi ao fácil pechando a Biblioteca sen aportar solución.
O grupo do BNG quere trasladar esta urxente demanda por parte da veciñanza ao goberno de Luís Taboada, quen non está a resolver os problemas que se presentan, senon máis ben, prolóngaos no tempo.
Esta situación vén de finais de 2021. Dende o 13 de Decembro non existe o servizo. Na porta da biblioteca figura un novo horario de 18:30 a 20:00 exclusivamente os luns, totalmente insuficiente.
Trátase dun espazo de gran versatilidade, non só como lugar de préstamo. Moitos pais e nais agardan alí que as crianzas rematen as actividades lendo, mozas e mozos quedan na biblioteca para facer os deberes, traballos e demáis. Moita xente utiliza a sala de informática ben pola conexión a internet ou ben para facer traballos de clase. É un espazo vital para moitas rapazas e rapaces. O servizo de préstamo pertence á Rede de Bibliotecas de Galicia e os usuarios están sendo sancionados, o que conleva non poder desenvolver actividade en bibliotecas doutras vilas pertencentes a esta rede.
O BNG tamén quere trasladar ó minigoberno que deberan ter informado desta situación a través dun bando municipal, pois vivimos nun contexto rural no que se fan distancias de 10 km ou máis para ir á vila e as familias encóntranse coa porta da biblioteca pechada no momento en que chegan alí. Non é propio do correcto funcionamento dos servizos dunha vila, xa de por si escasa de espazos interiores de convivencia durante a maior parte do ano.