COMUNICADO DO BNG SOBRE A ACTUACIÓN SOBRE O FERRI

Ante o incumprimento da Xunta de Galiza de executar o acordo unánime acadado no Parlamento de Galiza, no que se requería á Xunta á mellora da conexión por Ferri que une Vila de Cruces e Santiso, o BNG volverá PREGUNTAR NO PARLAMENTO para cando ten pensado cumprir coa veciñanza dos dous concellos e mellorar a vida diaria desa mesma veciñanza.

Hai un ano, da man do deputado Mini Rivas, o BNG de Vila de Cruces trasladou ao Parlamento Galego as demandas da veciñanza, a través dunha Proposta non de Lei. Reclamouse o acondicionamento de instalacións e barcaza para adaptalas ás necesidades actuais o que conlevaría, cando menos, as seguintes actuacións:

1. Redacción dun proxecto de inxeñería que contemple a modificación do ancho actual das ramplas de acceso á embarcación que permitan a entrada e saída de tractores e camións de paso habitual na zona. Esta rampa non debería ser inferior  a 13 metros en toda a lonxitude das rampas de acceso, tanto na marxe de Loño ( Vila de Cruces) como da marxe de Beigondo (Santiso). 

2. A dotación dunha nova barcaza con capacidade, como mínimo para 20 toneladas de carga, e un espazo de 13 metros de longo.

3.Unha correcta iluminación nos accesos e o acondicionamento das estradas para que poidan acceder os vehículos das dimensións establecidas pola lexislación aplicable.

Este martes, o deputado Mini Rivas acompañado polo voceiro Álex Fiuza e a concelleira Carlota Salgado, xunto co Alcalde de Santiso Manuel Adán e veciños de ambos concellos, volvían visitar os accesos da barcaza para ver "in situ" o incumprimento absoluto do acordo aprobado no Parlamento en febreiro de 2021.

"O cumprimento daquel acordo é unha cuestión de vontade política, e de novo vemos que o PP antepón os intereses das empresas amigas privadas, neste caso Naturgy, aos intereses dos veciños e veciñas que sofren o incumprimento destes acordos sistematicamente dende hai décadas" afirma o voceiro Alex Fiuza.

Por este motivo, o grupo nacionalista anuncia que volverá a preguntar no Parlamento por esta situación.