COMUNICADO SOBRE O PERSOAL DO CONCELLO

O BNG de Vila de Cruces demanda a reposición do persoal do concello, e o despido dos asesores externos.

COMUNICADO SOBRE O PERSOAL DO CONCELLO

A biblioteca Municipal segue sen persoal a menos dun mes do inicio do curso escolar, coas bases da bolsa de emprego aínda sen publicar, o proceso da selección de persoal demórase, despois de 9 meses sen a penas servizo, tendo que ser atendida por outra funcionaria unha hora e media á semana, que á súa vez provoca Unha carga de traballo que non lle corresponde.

Co posto administrativo de intervención sucede o mesmo, sen cubrir tras 9 meses de baixa da titular e, a bolsa de emprego creada, a medida do desgoberno de Vila de Cruces foi solicitar os servizos dunha asesoría externa posta a dedo para que Luis Taboada manexe as arcas municipais sen control, e que dende o BNG queremos recordar que no seu momento, esta asesoría externa traballou, ao redor de dous anos, para o Partido Popular. Nada mudou, mesmo xeito de proceder e ata compartindo asesores. 

Todo isto vai en detrimento das persoas seleccionadas na bolsa de emprego, que ven como o seu posto de traballo non chega mentres o desgoberno enchufa a amiguetes que bailan ao sol que máis quenta ao "alcalde".

 *Servizo de Urbanismo.* 

Máis do mesmo, o desgoberno mantén unha persoa no posto de urbanismo, posta a dedo e sen contrato, que cobra ao mes 1.500€ por 18h semanais, con licenzas sen resolver dende hai meses, o que acentúa a nula xestión deste "goberno ocupa" en canto aos servizos que debe prestar á cidadanía, e provoca que familias que queren asentar negocios e a súa vida en Vila de Cruces, se vexan obrigados a facelo noutros concellos veciños.

 *Perda de subvencións* 

O pasado mes de Xuño estaba aberto o prazo para solicitar unha subvención para a mellora das Pistas Multideporte de Nova Arquitectura Pedagóxica para os centros educativos de infantil e primaria,  a lamentable xestión do goberno fixo que esa axuda reclamada polos pais e nais do CEIP CERDEIRIÑAS de Piloño non fose concedida, entregando a documentación o último día de prazo, 27 de xuño, sendo coñecedores de que os fondos destinados a esta liña se concederían por orde de solicitude ata rematar os 2millóns de euros, e que subvencionaría ata o 85%  da obra. Ademais nin tan sequera foron quen de valorar se tamén sería necesaria a axuda para o CEIP NOSA SEÑORA DA PIEDADE.

Dende o BNG denunciamos o total abandono dos servizos por parte do desgoberno, que se resolverían cunha xestión óptima dos recursos que están a disposición do concello, como é a reposición de persoal a través das bolsas de emprego para cubrir os postos administrativos, ou o concurso pendente de licitar para o posto de técnico de Urbanismo, reclamado por unha sentenza do TSXG, dando por nulo o anterior procedemento durante o mandato do Pp, que daría servizo a xornada completa para axilizar licencias e outro tipo de proxectos como o anteriormente exposto.

COMUNICADO SOBRE O PERSOAL DO CONCELLO