COMUNICADO SOBRE O LEGADO HILGEN E A RÚA VÁZQUEZ

As declaracións do alcalde de Vila de Cruces descartando crear a comisión de investigación sobre os mapas do Legado Hilgen incumpren a lei de Bases de Réxime Local que no seu artigo 21 di que é atribución do alcalde “ordear a publicación, execución e facer cumprir os acordos do pleno do concello”.

COMUNICADO SOBRE O LEGADO HILGEN E A RÚA VÁZQUEZ

Dende o BNG consideramos que o acordo de creación da comisión de investigación é de obrigado cumprimento para o grupo de goberno e non admite máis demoras para poñela en marcha, máis aínda se o descarte non se sustenta en motivos técnicos ou xurídicos.

A creación desta comisión, a súa composición e a orde dos traballos a realizar foi aprobada por acordo plenario no mes de novembro de 2021 a proposta do BNG, cos votos favorables de PSOE e BNG, a abstención do PP e os votos en contra do equipo de goberno, Xuntos..

O obxectivo que persegue a citada comisión é chegar a unha resolución, para dar traslado á Valedora do Pobo, como así se comprometera Taboada no mes de setembro de 2021 e evitar así, ter que afrontar un proceso xudicial que sería vergoñento para o noso concello.

É certo que a desaparición dos mapas se deu durante o mandato do PP, e son os máximos responsables de chegar a esta situación, mais o actual desgoberno de Taboada é agora o responsable de non procurar unha solución. E o custo que este proceso xudicial vai acarregar ás arcas municipais, deberiano asumir a medias Otero por perdelos e Taboada por incompetente e non facer nada durante estes tres anos.

 

AO RESPECTO DA RÚA VÁZQUEZ E O REACPON:

Se o PP quixera facer as cousas ben, tería votado no seu día en contra do proxecto presentado, obrigando a Taboada a presentar un proxecto de consenso coa veciñanza e as distintas formación políticas do concello, como reclamamos dende o BNG, e non aceptando que Taboada fixese oídos xordos ás propostas achegadas nas reunións que mantivemos cando nos presentou o proxecto. No canto deso, PP e PSOE abstivéronse, déronlle vía libre a Taboada para sacar adiante este proxecto que empeza a ter contestación veciñal.

Desde o BNG, verdadeira alternativa de goberno ao actual desgoberno, queremos trasladarlle ao PP que hai que ser máis valentes e, sabendo que o proxecto non era viable, aportar alternativas que beneficien á cidadanía. 

A subvención do REACPON daba diferentes opcións, como a restauración e mellora de edificios e instalacións públicas, como a piscina ou simplemente destinalos a outras rúas, como a Manuel Iglesias, e mentres tanto, estudar a mellor alternativa para a rúa Vázquez durante un tempo, como a redirección do tráfico nun sentido só, con aparcamentos a ambos lados, ou crear aparcamentos disuasorios para posteriormente acometer as obras na rúa principal da Vila.

Antes de crear novos problemas, hai que aportar solucións e non nolas van dar aqueles que nunca nolas deron, aqueles que sempre foron da man.

COMUNICADO SOBRE O LEGADO HILGEN E A RÚA VÁZQUEZ