FIUZA DESTAPA O RISCO SANITARIO NA AUGA MUNICIPAL MENTRES TABOADA INSISTE EN NEGALO.

A analítica realizada polo BNG o 7 de novembro, e recibida o día 12, confirma que a auga que chega ás nosas casas non é apta para consumo humano.

Vila de Cruces, 14 de novembro de 2025.- O BNG de Vila de Cruces acusa ao alcalde, Luis Taboada, de engañar á veciñanza e restar importancia a unha situación perigosa, despois de minimizar o estado crítico da auga da traída municipal. O voceiro do BNG, Álex Fiuza, sinala que o rexedor “xoga coa saúde da xente” ao ocultar uns datos que son rotundos.

A analítica realizada polo BNG o 7 de novembro, e recibida o día 12, confirma que a auga que chega ás nosas casas non é apta para consumo humano. O informe revela unha turbidez moi elevada e presenza de Clostridium, bacteria ligada a contaminación fecal.

“Fálase de normalidade cando hai risco real. E é irresponsabilidade de quen nos goberna”, denuncia Fiuza.

O BNG lembra que o estado do Arnego xa é grave antes de chegar ao punto de captación, que a contaminación é real e o goberno mira cara outro lado: Agolada verte auga insuficientemente depurada cada vez que chove, Rodeiro verte directamente ao río porque nin sequera ten EDAR e a Xunta leva anos incumprindo a súa obriga de construír ou ampliar estas depuradoras.

Pero Fiuza subliña que o Concello tampouco está a cumprir: A EDAR de Losón, compartida con Lalín, non funciona e verte ao Deza sen control, a EDAR de Merza rexistra vertidos continuos e o vertedoiro de Campomarzo está filtrando lixiviados ao Toxa, xusto antes do punto de captación que abastece Merza.

“É intolerable que quen ten a responsabilidade de protexer á veciñanza prefira mirar para outro lado. O Concello sabe o que está pasando e non actúa”, critica o portavoz nacionalista.

O BNG reclama medidas contundentes e sen máis demoras:

- Reclámalle á Xunta de Galiza a construcción da EDAR de Rodeiro e ampliar urxentemente a de Agolada.

- Tamén demanda do Concello de Vila de Cruces a mellora e posta en marcha de inmediato as EDAR municipais.

- Renovar o sistema de captación do río Arnego.

- Controlar por analíticas constantes o impacto dos lixiviados en Merza e opoñerse dende o concello de xeito institucional a que Campomarzo se converta en vertedoiro industrial e proceder á súa limpeza total.

“O BNG fala con datos e di a verdade. Taboada fala con escusas e coa intención de tapar un risco sanitario evidente. A saúde da veciñanza non é un tema para facer propaganda nin para minimizar”, conclúe Fiuza.