O BNG esixe á Xunta unha reforma integral do CEIP Nosa Señora da Piedade e acusa ao PP de “parchear” o problema

O BNG de Vila de Cruces responde ao comunicado da Consellería de Educación sobre o CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e considera que o Goberno galego “non pode escudarse nun investimento realizado hai dez anos para limitarse agora a facer parches nun problema estrutural do centro”.

O BNG esixe á Xunta unha reforma integral do CEIP Nosa Señora da Piedade e acusa ao PP de “parchear” o problema

O portavoz municipal do BNG, Álex Fiúza, lembra que o Bloque leva anos reclamando unha reforma integral das instalacións a través de emendas aos orzamentos da Xunta, propostas que foron rexeitadas reiteradamente polo Partido Popular. “A situación do centro non mellora, senón que empeora curso a curso mentres a Xunta evita afrontar a solución de fondo”, sinalou.

O BNG lembra que o pasado 25 de febreiro a deputada Ariadna Fernández rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa para instar á Xunta a actuar. A proposta recolle as demandas trasladadas polas familias e pola ANPA, que denuncian o deterioro das instalacións, con problemas como goteiras e humidades no edificio de Infantil ou unha caldeira obsoleta que impide manter unha temperatura axeitada nas aulas.

Para o BNG, as actuacións anunciadas pola Consellería —como a reparación puntual da cuberta do edificio de infantil— pode ser un parche para o curso actual, mais “claramente insuficiente” para adaptarse ás necesidades que require o centro o vindeiro curso.

A iniciativa do Bloque propón abordar unha reforma integral do centro que comece canto antes para estar ao disposición da comunidade educativa nos inicios do curso 26-27, coa construción dun edificio anexo, ou mesmo a ampliación da planta baixa do edificio de primaria para poder dar cabida ás aulas de educación infantil, así como a creación de zonas cubertas no patio exterior.

“Non se pode seguir parcheando unha situación que afecta directamente ao alumnado e ao profesorado. O que precisa o CEIP da Piedade é unha actuación integral que garanta instalacións dignas e de calidade”, concluíu Fiúza.

O BNG esixe á Xunta unha reforma integral do CEIP Nosa Señora da Piedade e acusa ao PP de “parchear” o problema