O BNG de Vila de Cruces acusa ao goberno municipal de irresponsabilidade e falta de planificación no inicio das obras en zonas clave da vila

foto La voz de Galicia

O BNG de Vila de Cruces, a través do seu portavoz Alex Fiuza, denuncia a absoluta falta de planificación e responsabilidade do goberno municipal no inicio das obras que afectan á rúa Xosé Neira Vilas, á travesía Vázquez no 5 e a parte da rúa Sergio Iglesias Pazos.

O BNG de Vila de Cruces acusa ao goberno municipal de irresponsabilidade e falta de planificación no inicio das obras en zonas clave da vila

Trátase dunha actuación situada nun punto estratéxico para o tráfico da vila que, lonxe de ser programada con criterio, comeza con atraso e nun dos peores momentos posibles: ás portas da celebración do Galo de Curral, o evento con maior afluencia de visitantes do ano no municipio.

Desde o BNG consideramos esta decisión unha mostra evidente de desorganización e desprezo pola veciñanza e polo tecido económico local. O inicio destas obras nestas datas vai provocar un caos circulatorio innecesario, afectando gravemente á mobilidade nun momento clave para a hostalaría, o comercio e a imaxe da vila.

Resulta incomprensible que o goberno municipal non fose quen de prever esta situación nin de adaptar os tempos de execución desta obra. Esta falta de previsión só pode responder á incompetencia na xestión ou á ausencia total de planificación.

O BNG esixe explicacións inmediatas ao alcalde e ao concelleiro de obras sobre os motivos do atraso no inicio desta actuación, así como sobre os prazos previstos inicialmente e os criterios empregados para decidir o seu comezo nunhas datas claramente prexudiciais para o interese xeral.

Non é aceptable que a veciñanza de Vila de Cruces teña que asumir as consecuencias dunha xestión deficiente que evidencia, unha vez máis, a incapacidade do goberno municipal para organizar actuacións básicas sen prexudicar o funcionamento normal do concello.

Desde o BNG de Vila de Cruces seguiremos denunciando este tipo de actuacións e defendendo unha xestión seria, responsable e planificada, que poña no centro os intereses da veciñanza.

BNG Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces acusa ao goberno municipal de irresponsabilidade e falta de planificación no inicio das obras en zonas clave da vila