CORTES DE LUZ DURANTE O TEMPORAL

O BNG esixe ás distintas administracións que velen un pouco máis polos servizos aos cidadáns e esixa ás empresas eléctricas a inmediata reposición do servizo canda haxa avarías.

CORTES DE LUZ DURANTE O TEMPORAL

Avarías como as que se produciron este domingo por mor do temporal, son habituais tanto nas parroquias próximas ao encoro de Portodemouros, como as lindantes co parque eólico de Monte do Carrio. Esta semana o corte eléctrico tocou, entre outros, en Asorei, onde estiveron máis de 20h. sen luz, obrigando ás explotacións gandeiras a facerse con xeradores de gasolina para poder muxir, ou mesmo na vila pasando toda a tarde do domingo con cortes de luz continuos.

“Resulta desolador que un concello rodeado de parques eólicos e encoros, padeza este problema co servizo eléctrico e sexamos sempre os últimos en ter restablecido o servizo” afirma o voceiro nacionalista, “e esta situación agrávase coa constante ameaza de proxectos de liñas de alta tensión que formarían un tecido de liñas eléctricas, invalidando unha boa parte dos nosos montes, así como ameazando vivendas e núcleos, sempre coa escusa de dotarnos dun mellor servizo eléctrico, cando a realidade é que ten menos cortes eléctricos Madrid a 600km, que as nosas parroquias colonizadas polas todo poderosas empresas eléctricas de capital foráneo.”

Polo que dende o BNG insistimos na necesidade de que o goberno municipal reclame ás demais administracións solucións máis áxiles ás numerosas avarías que se producen no noso concello, co fin de garantir un servizo efectivo e axeitado ao noso tecido produtivo así como á nosa veciñanza.

Ademais esiximos dende o BNG ao goberno local maior rapidez á hora de restablecer o alumeado público, xa que nesta semana varias rúas da vila estiveron sen luz durante varias noites, algo que non se pode permitir despois do desembolso feito nestes últimos anos.

CORTES DE LUZ DURANTE O TEMPORAL