O BNG CREARÁ UN ORGANISMO DE SALVAGARGA DOS ENTROIDOS DE VILA DE CRUCES

“O patrimonio inmaterial como os entroidos de Piloño, Salgueiros e Merza son sinais de identidade que hai que apoiar e promocionar para convertilos nun activo cultural, turístico e económico de Vila de Cruces"

O BNG queremos dotar de protección ás figuras propias do Entroido do noso concello en xeral e das parroquias en particular, coidando e apoiando aqueles entroidos que grazas a veciñanza e a súa implicación e traballo de décadas, seguen a estar  moi vivos e recuperar as manifestacións en aquelas parroquias  nas que se perdeu a tradición física pero que se mantén na memoria da xente, na memoria dos “tesouros vivos” do noso concello.

Con este fin, dende o BNG crearemos un organismo de salvagarda dos Xenerais da Ulla e o Entroido do Concello de Vila de Cruces, impulsando traballos de investigación e creando un arquivo de historia oral, fotográfica, de son e imaxe, co fin de coidar a tradición, pasando a ser un activo de promoción cultural, turística e económica do concello.

Para iso, o BNG vai traballar en coordinación e cooperación directa coas asociacións, colectivos e veciñanza que dende anos veñen facendo esa labor, propoñendo obradoiros de aprendizaxe para a conservación dos traxes e das máscaras, obradoiros de improvisación oral… contando sempre co apoio institucional e o asesoramento activo á hora de acadar axudas económicas doutros organismos.

Outra das medidas nas que faremos fincapé será na promoción e difusión dos Entroidos existentes, como son os de Salgueiros, Piloño e Merza e os que están por ser recuperados, acudindo a feiras e convencións, Semana Verde, Fitur, Mascarada Ibérica… xa que para nós, o patrimonio inmaterial é un dos piares fundamentais para atraer turismo e conservar a cultura do noso concello.