O BNG de Vila de Cruces presenta o plan “Todo queda nas Cruces”
Fiuza denuncia a falta de acción do goberno local ante o peche continuado de negocios.
O BNG de Vila de Cruces vén de denunciar a “inacción total” do goberno municipal ante a situación crítica do comercio local, marcada polo peche continuado de establecementos nos últimos anos. Sinalamos dende o BNG que, “na última década desapareceron numerosos negocios na vila, deixando locais baleiros e unha perda evidente de dinamismo económico e social”.
Dende a formación nacionalista criticamos que, mentres o comercio de proximidade perde peso e capacidade de competir, “o Concello non puxo en marcha ningunha estratexia seria nin medidas estruturais para frear esta sangría”. Neste contexto, o BNG presenta o plan “Todo queda nas Cruces”, unha proposta integral para reactivar o comercio e apoiar ás persoas autónomas e pequenas empresas do municipio.
Desde o BNG advirtimos de que a falta de relevo xeracional nalgúns negocios, a escasa dixitalización e a competencia das grandes superficies están a acelerar o declive do pequeno comercio. “Cada negocio que pecha é un golpe á economía local, pero tamén á vida das nosas rúas”, subliña Álex Fiuza, o noso voceiro municipal.
Ademais, lembramos que existen liñas de axuda públicas —tanto da Xunta como da Deputación— que están a ser infrautilizadas por falta de acompañamento institucional.
O plan que presentamos estrutúrase en catro eixos con medidas inmediatas e aplicables:
1) Dinamización e eventos. Propoñemos revitalizar os días de feira con actividades e incentivos ao consumo, así como campañas ao longo do ano e a utilización de locais baleiros como espazos comerciais efémeros.
2) Fidelización e consumo local. Apostamos pola creación dunha Tarxeta Cliente “Cruces Activa”, un sistema de puntos e vantaxes acumulables por compras no comercio local que permita premiar a fidelidade da veciñanza con descontos, agasallos ou participación en sorteos periódicos. Esta medida complementaríase con campañas de promoción baixo o lema “Merca nas Cruces, Apóianos”.
3) Dixitalización e modernización. Inclúe a creación dunha Oficina de Asesoramento Comercial que axude a captar axudas públicas —que poden acadar ata o 80-90% de financiamento en proxectos de modernización— e formación en ferramentas dixitais básicas para as persoas que xa posúen negocios.
4) Infraestruturas e contorno urbano. Tamén propoñemos a creación dunha bolsa de locais baleiros para facilitar a apertura de novos negocios.
“Ou se actúa agora ou será tarde”
Desde o BNG insistimos en que a situación require medidas urxentes e planificación:
“Non podemos seguir vendo como baixan as persianas sen que o Concello faga nada. Ou se actúa agora ou en poucos anos o tecido comercial de Cruces será residual” di o noso voceiro. Reclamamos ao goberno local que abandone a pasividade e abra unha Mesa do Comercio e Hostalería para coordinar accións reais co sector.
Sabemos que o plan é “perfectamente viable” desde o punto de vista económico, combinando fondos municipais con axudas doutras administracións, como o Plan Máis Provincia 2026. “Non é unha cuestión de recursos, é unha cuestión de vontade política”, conclúe Fiuza.