O BNG de Vila de Cruces propón recuperar o Observatorio de Zarragrande e impulsar o turismo astronómico co eclipse de 2026

Fiúza sinala que: “Zarragrande pode converterse nun elemento estratéxico para atraer turismo de calidade, dinamizar a economía local e reforzar a identidade do rural como espazo de coñecemento e innovación.”

O BNG vén de presentar unha moción para a recuperación e posta en valor do Observatorio Astronómico de Zarragrande, actualmente en estado de abandono, malia o seu alto potencial como recurso científico, educativo e turístico.

A iniciativa nacionalista denuncia o uso electoralista deste espazo por parte de Taboada no ano 2023, cando se anunciou unha suposta cesión ao Concello que nunca chegou a materializarse nin foi acreditada publicamente.

Neste contexto, o BNG aposta por aproveitar o eclipse solar total previsto para agosto de 2026, un evento de relevancia internacional, como oportunidade para situar a Vila de Cruces no mapa do turismo astronómico.

A proposta inclúe a reclamación dunha cesión efectiva das instalacións, a súa rehabilitación e a creación dunha programación estable de actividades vinculadas á divulgación científica.