FIUZA POÑERÁ EN MARCHA O CENTRO INTERXERACIONAL ANISIA MIRANDA

“A dinamización dunha vila comeza por dar contido aos distintos espazos e edificios públicos para crear tránsito, dun xeito ordenado e coherente, facilitando o acceso a toda a cidadanía e dando a coñecer esa parte da historia que a fai un territorio único”

O BNG aposta por dar vida aos diferentes edificios públicos, con servizos necesarios para a veciñanza, tratando de ordenalos en espazos máis visibles, accesibles e apetecibles para os usuarios.

Por isto, o BNG ten un plan que comeza por poñer en marcha o Centro Interxeracional Anisia Miranda. Este centro localizarase no edificio polivalente, lugar a onde se trasladará a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, a cal precisa dunha dotación importante de material, maior visibilidade en lugar de tela nos baixos do auditorio municipal, abandonada e sen ofrecer maior servizo que o de préstamo de libros, xa que actualmente é un lugar ben pouco apetecible para a lectura ou o estudo.  Este centro disporá tamén de espazo para Ludoteca, cunha programación lúdica anual para todas as idades, con sala para videoxogos, aula de belas artes entre outras.

Co traslado da Biblioteca e a posta en marcha do Centro Interxeracional Anisia Miranda buscarase dar resposta a unha necesidade fundamental, que será dar posibilidades de ocio a sectores de idade totalmente esquecidos en Vila de Cruces, como son a mocidade e as persoas maiores, situando nun lugar estratéxico, conectado coas instalacións deportivas, o parque da residencia, os centros educativos e a residencia.

Esta acción provocará unha segunda fase, que será a rehabilitación da planta baixa do auditorio Xosé Casal, para a redistribución de aulas amplas para a escola de música, e un local de ensaio e estudo de gravación.