MELLORAS NO CENTRO MÉDICO DE VILA DE CRUCES, NO CENTRO MÉDICO EN MERZA E ACONDICIONAMENTO DA SALA PEDIATRÍA

O noso voceiro Álex Fiuza e a nosa concelleira Carlota Salgado, presentaron no pleno ordinario de onte, unha moción para promover melloras no centro de saúde, tanto en Vila de Cruces como no despacho médico de Merza, e propoñen acondicionar a sala de pediatría que foi aprobada por unanimidade.

O centro médico de Vila de Cruces ten dúas sedes, unha en Vila de Cruces e un consultorio en Merza. Ámbalas dúas precisan melloras importantes para unha atención axeitada e de calidade, tanto para usuarias e usuarios como para os profesionais.

 

Centro médico en Vila de Cruces: hai goteiras e chans levantados debido ás humidades. Tamén se evidencia en paredes interiores moho negro e verdín. Este problema xa foi denunciado hai máis de 2 anos por parte do BNG de Cruces. Os muros exteriores están desconchados e precisan mantemento. A pasarela de entrada pode ser perigosa pois a separación das barras da baranda están moi separadas e non deberán estar colocadas en horizontal, en forma de escaleira, senon en vertical. Pode supór un risco de caída para crianzas e a pasarela ten unha altura perigosa.

Pídese dende o corpo médico unha camilla de litotomía (de matrona) posto que a actual está en malas condicións.

Sala de urxencias máis grande que facilite o traballo nunha situación crítica. Tamén se solicita acometer unha obra menor na sala de arquivos, pois xa non se usa con ese fin, dado que as historias médicas foron dixitalizadas. Prantéxase tirar o tabique que separa esta sala da sala de urxencias e acondicionar este novo espazo para o seu uso, ademais da necesidade urxente dun carro de parada cardíaca.

 

Centro médico en Merza: precísase pintado da sala de consulta. Tamén colocar unha mellor iluminación nesa sala, pois hai dúas bombillas moi sinxelas que iluminan de xeito moi deficiente. Tamén se precisa un cartel exterior de sinalización do centro médico.

 

Sala de Pediatría en Vila de Cruces: Humanizar e adaptar a sala de agarda. Precísase:

- Organizador con caixóns de altura infantil, para que poida ser manipulativos por crianzas dende idade infantil.

- Estantería para libros e revistas de parede con zona baixa (infantil) e zona alta (persoas adultas).

- Pizarra magnética situada á altura de crianzas de infantil.

- Unha mesa con cadeiras para crianzas de infantil.

- Un cambiador abatible no baño de pediatría.

- Un sillón de lactancia para situar nunha sala paralela á sala de agarda. Para isto tamén se pide un biombo ou separador para proporcionar maior intimidade.

 

Desenvoltas as demandas, o noso voceiro e a nosa concelleira propuxeron os seguintes acordos:

- Solicitar o apoio da corporación municipal do Concello de Vila de Cruces para resolver esta situación o antes posible.

- Instar á Xunta de Galiza, en concreto á Consellaría de Sanidade, a resolver as cuestións de infraestructura e servizos, así como a sinalización oportuna dos Centros de Saúde.

 

A moción foi aprobada por unanimidade polo que, dende o grupo municipal estaremos pendentes para que se desenvolvan as melloras recollidas na moción.