O BNG APOSTA POR UNS ORZAMENTOS E UN PROXECTO INCLUSIVO, QUE TEÑA EN CONTA AS NECESIDADES REAIS DE TODA A VECIÑANZA.
No pleno de xaneiro debatíase sobre os orzamentos. Fiuza e o grupo do BNG botaron en falta destes orzamentos medidas fundamentais, que cubran a demanda da xuventude e os máis maiores, que son os eternos esquecidos dos gobernos que van pasando polo consistorio, tamén medidas para o asentamento poboacional, e que resulten atractivas para achegar empresas que se asenten en Vila de Cruces.
Fiuza asegura que os menos de 500.000€ para investimentos que se reflexan, son financiados pola deputación de Pontevedra para a mellora de varios camiños, que deberían estar xa en proceso de execución xa que pertencen ao Plan Concellos 2022. Cos cales estamos dacordo, e que sairán adiante co noso compromiso.
O BNG TILDA A PROPOSTA DO ORZAMENTO COMO UN PANFLETO ELECTORALISTA E SEN PROXECTO DE FUTURO.
Tras case 4 anos cos orzamentos prorrogados do anterior mandato e sen consensuar coa maioría do pleno, Taboada presentou unha proposta da cal non quixo nin falar nin escoitar a opinión do resto dos grupos, e sen atender aos máis mínimos principios democráticos, seguramente por non ser capaz de defender uns orzamentos elaborados por unha empresa externa, cobrando case 5.000€ a maiores do que factura mensualmente, que podería ter aforrado de facelos co persoal funcionario do concello. Entre outras cousas mantiña o salario de 18.200€ para un 4° concelleiro do goberno, que tendo en conta que a concelleira socialista deixou o cargo en agosto de 2020, non ten maior explicación que a de manter unha partida para o seu asesor cronista de cabeceira, xa que non se xustifica este gasto en ningún informe.
No pleno víuse un Partido Popular completamente roto, que non se atreveu a sair da abstención, porque o único que diferenzaba esta proposta da súa, era que as dedicacións exclusivas non ían destinadas a eles mesmos.
O orzamento municipal debe atender ás necesidades importantes da veciñanza, e non aos egos e ás chapuzas dun alcalde que carece de proxecto.