O BNG ADVIRTE DOS ERROS E PROBLEMAS QUE PODE CARREXAR O PROXECTO DA RÚA VÁZQUEZ.

COMUNICADO DO BNG SOBRE O REACPON

Vista da rúa Vázquez dende a zona da praza do concello

O voceiro do BNG afirma que “estamos totalmente a favor deste tipo de actuacións, mais antes de acometer unha obra que afectará á rúa principal da vila, e como consecuencia ás rúas transversais, débese solucionar a necesidade de espazos de aparcamento, e pulsar a opinión da veciñanza e negocios que se verán afectados, os cales xa nos trasladaron as súas queixas”.

COMUNICADO DO BNG SOBRE O REACPON

O 30 de Xullo tivo lugar un pleno extraordinario no que se sometía a votación o proxecto para a humanización da rúa Vázquez, que se acolle á subvención da Deputación de Pontevedra Reacpon, por valor de 802.096,30 euros. A deputación concedería 596.681,13 eur e o concello poñería 205.415,17 eur.

A sesión foi convocada por urxencia, xa que o luns 26 no pleno ordinario retirouse o punto que ía por urxencia fóra da orde do día. O motivo atenuante foi a existencia dun informe desfavorable de secretaría, pois requiríase un permiso de Infraestructuras que non había.

 

Neste pleno puido verse un PSOE que non tivo nada que dicir ante un proxecto de semellantes características, para despois absterse. Un Partido Popular que dicía non estar convencido coa viabilidade do proxecto e, aínda así abstívose dándolle vía libre  a un minigoberno de Xuntos que non consensuou coa veciñanza, e semella recuperar os 9 votos das maiorías absolutas do PP. Destacamos que no momento da votación o ex- alcalde a pesares de non votar nin a favor, nin en contra, nin abstención, requiriu repetir a votación para de novo non volver a pronunciarse.

O voto en contra do BNG está fundamentado en 3 motivos:

- Falta de consenso co resto da corporación, pese a ter varios encontros nos que o bng lle formulou propostas, non aceptou ningunha, e o alcalde actúa como se tivera maioría absoluta. Simplemente convoca reunións de cara á galería para despois non atender a ningunha das nosas propostas.

 

- Falta de consenso coa veciñanza, pois non presentaron publicamente o proxecto sendo de vital importancia a opinión da poboación, xa que son os principais afectados polas obras e problemas de tráfico que isto vai ocasionar, ademais que no proxecto valora a participación cidadá na redacción final do proxecto.

 

- O BNG advertiu con máis dun mes de antelación e durante as reunións previas nas que se nos ensinou o proxecto, as carencias que ten.

 

Entre ditas carencias encóntranse as seguintes:

- Redución de zonas de aparcamento. O BNG propuxo formalmente ao longo destes 2 anos a creación de aparcamentos disuasorios para maior accesibilidade no centro da vila. Agora vaise deixar patente este problema e toda a veciñanza o vai padecer, e máis o comercio local fortemente afectado pola crise da pandemia.

-Falta de sintonía entre as diferentes zonas da vila. Insistimos na coherencia das novas actuacións urbanísticas para que vaian en sintonía e non seguir co continuísmo do PP de parchear cada zona dun xeito.

- Tamén cremos que cando se comete unha actuación debe ser completa, pois o BNG propuxo intervir toda a rúa Vázquez e non só ata a travesía nº2. Desta forma que se propón, poden verse zonas perfectamente arranxadas, en contraposición a outras desfasadas e con deficiencias importantes, como se de guetos se tratara.

 

O BNG propuxo medidas de mellora en tódalas reunións que non foron escoitadas. Insistimos en regular o tráfico, dar prioridade a alternativas para aparcamentos pois este proxecto implica redución de prazas para vehículos por varios motivos: instalación de contedores, zonas de carga e descarga, eliminación de aparcadoiros dun lado da rúa, pasando dun espazo onde agora collen ao redor de 50 vehículos a reducilo a un 30% das prazas. Esixiremos que antes de iniciar as obras estean preparados os aparcamentos disuasorios necesarios; presentar o proxecto á veciñanza e facer unha actuación completa, e non por tramos deixando a rúa principal da vila a medio facer, impedindo unha sintonía e continuidade coas actuacións novas que se están a realizar.

 

O BNG advertiu reiteradamente ao grupo de Xuntos, os cales gobernan en minoría cos nosos votos roubados, a importancia de non recaer nos mesmos problemas de concellos limítrofes, nin tampouco que se xustifique cos mesmos argumentos e mesmos erros nos que recaía o PP, como así o fixo o tenente alcalde durante a sesión plenaria, dando a entender que, como o goberno anterior non consensuaba as actuacións coa veciñanza, eles teñen o mesmo dereito.

 

Grupo Municipal do BNG de Vila de Cruces

30 de xullo de 2021

COMUNICADO DO BNG SOBRE O REACPON