MANIFESTACIÓN 21 DE DECEMBRO EN BEIGONDO E LOÑO POLO SERVIZO DA BARCA DE PORTODEMOUROS .

O BNG de Vila de Cruces e o BNG de Santiso, xunto coa Asociación de Afectadas e Afectados polo Encoro de Portodemouros, convocan unha manifestación o domingo 21 de decembro, ás 11:00 horas, nas ramplas de acceso á barca, a ambos lados do encoro de Portodemouros, Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso).

MANIFESTACIÓN 21 DE DECEMBRO EN BEIGONDO E LOÑO POLO SERVIZO DA BARCA DE PORTODEMOUROS .

A mobilización enmárcase nunha loita veciñal de 63 anos para garantir un servizo de paso fundamental que conecta as provincias da Coruña e Pontevedra, e que resulta clave para a vida diaria da veciñanza dos concellos rurais da contorna. A falta deste servizo obriga a realizar longos desprazamentos por estrada, dificultando a mobilidade, o acceso aos servizos e o desenvolvemento económico e social do rural.

Desde o BNG denuncian o desleixo da Xunta gobernada polo Partido Popular, que trata este servizo vital como un “prestación accesoria”, tal e como lle respondían á deputada do BNG, Ariadna Fernández, na comisión segunda o pasado xoves, dentro dunha concesión que só xera beneficios para a empresa concesionaria, mentres ignora as necesidades reais da veciñanza afectada. “Esta é a política do PP: privatización, abandono do rural e desprezo polos seus medios de vida”, sinalan Manuel Adán (alcalde de Santiso) e Alex Fiúza (voceiro do BNG de Vila de Cruces).

O Bloque lembra ademais que a construción dunha ponte en Portodemouros permitiría reforzar a conexión entre as provincias de Lugo e Pontevedra, favorecendo unha maior mobilidade entre concellos rurais e contribuíndo á cohesión territorial.

O BNG fai un chamamento á participación da veciñanza para defender un dereito básico como é a mobilidade e para esixir solucións reais e duradeiras. Así mesmo, anima aos alcaldes de Vila de Cruces, Agolada e Melide, xunto con Xoán Xesús Carril Alcalde de Arzúa, a participar nesta concentración, por considerar fundamental que os gobernos municipais afectados se impliquen activamente nesta reclamación colectiva.

Convocatoria:

Data: Domingo, 21 de decembro

Hora: 11:00 horas

Lugar: Ramplas de acceso á barca, Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso) encoro de Portodemouros.

MANIFESTACIÓN 21 DE DECEMBRO EN BEIGONDO E LOÑO POLO SERVIZO DA BARCA DE PORTODEMOUROS .