PRESENTACIÓN DE 3 MEMBROS DA LISTA DO BNG DE VILA DE CRUCES

montaxe das fotos: ecos da comarca

“O BNG preséntase a estas eleccións con persoas que apostan por asentar a súa vida en Vila de Cruces, xente con experiencia na organización e tamén no concello, como Carlota Salgado (actual concelleira) e Paula Rivela (coresponsable comarcal de finanzas), xunto con incorporacións de relevancia como Eduardo Rial, que ocupará o número 5, para construír un goberno que mire pola xente, deixando atrás personalismos e pensamentos egoístas que van en contra das necesidades da veciñanza.”

Carlota Salgado Leal (número 2), graduada en Belas Artes e Grao Superior en Frauta Traveseira. Actualmente é profesora substituta de secundaria e conservatorio.

“Formo parte deste gran equipo porque é a única opción para pegar un cambio de rumbo en Vila de Cruces”.

Teño 34 anos e sempre estiven vencellada á música, así é que a miña segunda casa é a Banda Artística de Merza. Síntome comprometida co traballo social e

cooperativo, por iso participo en diferentes iniciativas culturais, proxectos asociativos e con perspectiva de xénero.

É para min unha honra ocupar o segundo posto de saída co meu compañeiro Álex Fiúza, a quen admiro pola súa integridade, impecable xestión e profunda convicción

de que podemos dar vida a este pobo e poñer por diante os dereitos da xente que vive aquí.

 

Paula Rivela Cabanas (número 3), licenciada en Historia e Técnica de Igualdade. Actualmente é autónoma no ámbito da igualdade e da xestión cultural.

“Son parte desta candidatura porque quero unha Vila de Cruces social e igualitaria, na que a cultura e o patrimonio sexa motor da comunidade e ferramenta de

asentamento de poboación”.

Teño 40 anos, son nai de tres fillos, hai 18 anos que vin a vivir ao Poboado Mineiro de Fontao, un espazo do que namorei nada máis coñecelo. Dende que cheguei

sempre estiven vinculada ao movemento asociativo, intentando aportar o meu graíño de area a mellorar a contorna, a coidar o patrimonio e crear comunidade.

Ser a terceira da candidatura presentada por Alex Fiúza, é unha grande responsabilidade que asumo con moita ilusión e ganas de aportar.

 

Eduardo Rial Barral (número 5), 34 anos, veciño de Camanzo. Deseñador (Produto e Moda) e artesán. Acaba de emprender o seu proxecto persoal como xastre, aínda

que leva xa algún tempo como transmisor de técnicas artesanais [en Camanzo, Ledesma, Compostela], que combina como traballador nun restaurante local.

É o candidato número 5 do BNG de Vila de Cruces. “Súmome ao proxecto do BNG debido á necesidade de cambio, porque quero formar parte dun equipo

transparente, de xente boa, con gañas de impulsar e revitalizar un concello cunha ubicación xeográfica extraordinaria. A oportunidade de amosar á xente outro

xeito de traballar, dende unha óptica máis actual, aberta, moderna e renovadora, sen romper coa tradición.”