O BNG ANUNCIA UN PAQUETE TURÍSTICO CO PROGRAMA “CRUCE DE CAMIÑOS”
“A xestión e promoción turística de Vila de Cruces é un activo aínda por explotar, que abrirá un abano de ofertas laborais e de ocio para toda a veciñanza, e que atraerá xente a coñecer o noso patrimonio natural, cultural e histórico”
No BNG vemos unha oportunidade de futuro a potenciación do noso entorno e a nosa tradición. como atractivo turístico que favoreza ao tecido empresarial, hosteleiro e comercial
O Programa “CRUCE DE CAMIÑOS”, composto por rutas marcadas e limpas que atravesarán todas as parroquias, achegando ás persoas visitantes a coñecer o noso patrimonio natural, histórico e cultural, conleva unha serie de rutas temáticas, moitas delas circulares que rodearán a vila para que as persoas poidan partir e chegar á vila e aos núcleos rurais, rutas sendeiristas como a da beira do Río Orza, do Ulla e do Deza, cabalares, ou ciclistas que atraerán a miles de persoas a visitar o concello, o que repercutirá na economía local, na restauración e hospedaxe das casas de turismo rural, e no comercio da zona.
Con marcadores intelixentes, que a través do teléfono móbil visitantes e veciñanza terán dispoñible mapas dos lugares hosteleiros e de interese turístico máis próximos. Ademais de atraer con este tipo de ofertas un turismo de calidade, tamén potenciará a sostibilidade do noso entorno, xa que se desenvolverán campañas de limpeza de camiños rurais coidadosos co medioambiente.
Outra das iniciativas será, o programa UNINDO PARROQUIAS, creando convenios de colaboración e intercambio con concellos interesados e colectivos, onde ofrecer paquetes turísticos con transporte, visitas a lugares de interese como o Museo da Minería, as fundacións Neira Vilas ou A Solaina de Piloño, áreas recreativas, proxectos rurais para promocionar os nosos productos, ofertas de sendeirismo, termais, xunto con ofertas gastronómicas e de aloxamento dos nosos restaurantes e casas de turismo rural.
E a confección de eventos deportivos, como o ULTRATRAIL DAS CRUCES, unha competición que albergará a centos de persoas durante 3 días percorrendo todo o noso concello.