O BNG de Vila de Cruces propón un plan urxente de prevención de incendios e insta ao goberno local a actuar sen máis demoras

Fiúza sinalou que o alcalde “xa non ten excusas” para garantir a limpeza do concello, facendo referencia ao novo tractor adquirido recentemente polo Concello, unha compra que foi posible grazas a que o BNG facilitou a súa adquisición.

O BNG de Vila de Cruces propón un plan urxente de prevención de incendios e insta ao goberno local a actuar sen máis demoras

O BNG propón un plan integral de prevención de incendios no concello, nun contexto especialmente preocupante ante a chegada da época de maior risco.

O portavoz nacionalista, Alex Fiúza, advertiu da necesidade de actuar con urxencia nun municipio que conta cunha ampla masa forestal, dominada por especies como o eucalipto e o piñeiro, e que está incluído dentro das zonas de elevado risco de incendios.

Fiúza puxo o foco na importancia da limpeza das parcelas próximas ás vivendas e aos núcleos rurais, xa que a súa situación actual incrementa significativamente o perigo de que o lume poida chegar ás casas. Lembrou que a responsabilidade directa do mantemento destas parcelas recae nas persoas propietarias, e que o incumprimento desta obriga pode derivar en sancións económicas.

Neste sentido, o BNG subliña tamén o papel do Concello como responsable subsidiario, que debe actuar en dous niveis. En primeiro lugar, mediante a emisión de bandos informativos en todos os lugares, recordando a obriga legal de manter limpas as parcelas. En segundo lugar, no caso de que os propietarios non cumpran, o Concello debe proceder á limpeza das mesmas e repercutir posteriormente o custo ás persoas responsables.

O portavoz nacionalista destacou que “xa estamos entrando en tempo de lumes e está todo sen facer”, cualificando a situación de “grave irresponsabilidade” por parte do goberno local.

Ademais, Fiúza sinalou que o alcalde “xa non ten excusas” para garantir a limpeza do concello, facendo referencia ao novo tractor adquirido recentemente polo Concello, unha compra que foi posible grazas a que o BNG facilitou a súa adquisición. “Agora existen os medios necesarios, o que falta é vontade política e planificación”, engadiu.

O BNG de Vila de Cruces insta así ao goberno municipal a poñer en marcha de inmediato este plan de prevención, co obxectivo de protexer á veciñanza, reducir o risco de incendios e garantir a seguridade dos núcleos rurais.

BNG Vila de Cruces

O BNG de Vila de Cruces propón un plan urxente de prevención de incendios e insta ao goberno local a actuar sen máis demoras