O BNG APOSTA POR UN CONCELLO LIMPO E RESPECTUOSO CO MEDIO AMBIENTE
“Queremos rematar cos vertedoiros incontrolados e mellorar o servizo de reciclaxe e recollida de lixo co PLAN CRUCESVITAE.”
O BNG queremos mellorar o SERVIZO DE RECOLLIDA SELECTIVA DE LIXO planificando a recollida e limpeza viaria nas parroquias e mantemento e limpeza dos contedores, cunha previsión para datas sinaladas como en verán ou Nadal, épocas nas que aumenta o volume de lixo e que nos últimos anos ían en aumento as queixas da veciñanza por contedores saturados ou a nula limpeza dos mesmos, facilitando tamén, illas de reciclaxe para a selección do lixo con contedores de todas as categorías.
Outro dos obxectivos deste plan é a AMPLIACIÓN DE HORARIO DO PUNTO LIMPO, xa que tan só está aberto os venres de mañá ata as 14.00, xunto con esta ampliación de horario, a intención é descentralizar o servizo para achegalo ás parroquias dotando dun colector móbil que permitirá facer unha separación selectiva dos residuos. Dada a importancia da separación en orixe, é unha oportunidade para separar e reciclar con pouco esforzo, xa queo Punto Limpo Móbil chegará a cada parroquia do Concello ao longo do ano. A maiores, dotar dun camión para o traslado do colector de reciclaxe co que puntualmente podemos facer recollida dos residuos que non teñan cabida no colector.
Avanzar nos trámites de adhesión ao Programa REVITALIZA, da Deputación de Pontevedra para a reciclaxe de materia orgánica, será outra meta a acadar, onde se recollerá porta a porta a grandes produtores como: hostalaría, almacéns e empresas agrícolas e supermercados. Convinarase con Composteiros comunitarios nos núcleos urbanos, dotando dun Mestre Composteiro que levará o mantemento dos silos de compostaxe. O compost xerado servirá para o mantemento de xardíns públicos, e para a veciñanza que así o precise, dando prioridade a produtores agrarios.
A estas propostas, engadiranse campañas de concienciación e cursos de formación para a veciñanza en materia de reciclaxe, co fin de conseguir un concello limpo e respectuoso co medioambiente.