O BNG FÍXASE COMO OBXECTIVO REAL A POSTA EN MARCHA DOS POLÍGONOS DO CONCELLO.
"De nada vale lamentar as cousas mal feitas, o mellor é buscar solucións como as que temos en mente para o polígono de Aguillóns e do Camballón facendo unha xestión municipal para dinamizar o chan industrial", refire Alex Fiuza, candidato á alcaldía.
O BNG ten claro que para asentar poboación debe buscarse unha solución viable aos dous polígonos que temos no concello, podendo atraer empresas a ambos lugares e xerando movemento na vila e as parroquias.
Para conseguir este obxectivo, desbloquearemos a situación do polígono asentado no Camballón. O BNG reunirase cos propietarios para conseguir o mellor acordo co fin de conseguir que esas parcelas se arrenden a empresas que se queiran asentar no noso concello.
En canto ao polígono agroforestal, o edificio do galo de curral, o BNG destinarémolo a un centro de transformación de producto primario no que aqueles productores locais teñan un espazo obrador de transformación. Ademais, propoñemos a xestión pública do chan industrial co programa "Asenta a túa empresa en AGUILLÓNS". A idea pasa por buscar empresas de sectores punteiros e baixo unha serie de condicións beneficiosas, que se asenten no terreo. Entre estas condicións poñeremos parcelas en aluguer a baixo prezo e coa bonificación máxima dos impostos.
En definitiva, facer dos polígonos espazos rentables para o concello e dar vida a novas empresas e ás xa asentadas asegurando que o tecido industrial se manteña e se potencie. Só con novas oportunidades haberá opción a que a poboación escolla Vila de Cruces para vivir.