O BNG DE VILA DE CRUCES FORNECERÁ DOS SERVIZOS PÚBLICOS NECESARIOS ÁS PARROQUIAS

"O saneamento, as traídas de auga, a seguridade peonil, o servizo de internet ou un plan de aglomerado, son servizos públicos que se achegarán as parroquias durante o goberno do BNG"; afirma o candidato á alcaldía.

O BNG DE VILA DE CRUCES FORNECERÁ DOS SERVIZOS PÚBLICOS NECESARIOS ÁS PARROQUIAS

Establecer unha serie de prioridades en canto aos servizos ás parroquias axudará a unha mellor calidade de vida das persoas e a unha maior probabilidade de permanencia no entorno. 

Medidas como a separación de redes pluviais e o saneamento no rural permitirá optimizar o funcionamento do tratamento de augas residuais e das depuradoras. Ademais, solicitar á Xunta financiamento para estender o abastecemento de auga a todos os lugares e parroquias que así o precisan será unha das prioridades en canto aos servizos públicos ás parroquias. 

No referido ás augas, xa en 2021 dende o grupo nacionalista se trasladou en pleno a necesidade de levar un control máis pormenorizado das augas de consumo público, así como de informar debidamente á veciñanza da potabilidade ou non das augas públicas.  O obxectivo deste control é que o concello verifique que non supoñen un risco para o consumidor, e aportar tranquilidade á veciñanza para o consumo do día a día.  A preocupación veciñal polo estado da auga das fontes públicas é tal que  os propios veciños están a facer, de xeito particular, controis das augas dalgunhas fontes.

Por iso, dende o BNG marcamos como obxectivo garantir, para as augas de consumo humano subministradas a través dunha rede de distribución pública, a realización do control da calidade da auga, de forma anual e a elaboración periódica dun informe sobre os resultados obtidos xa que, dependendo da época do ano, debido a diversas filtracións, como por exemplo os puríns, as augas poden sufrir alteracións nos límites microbiolóxicos e fisicoquímicos aptos para o consumo. É o concello quen debe preocuparse dun tema coma este.

Ademais deste aspecto, debemos asegurar que a poboación das parroquias, maiormente avellentada, se poida desprazar ata a vila de forma segura e económica para realizar os trámites que necesiten en materia de saúde ou a nivel bancario. Polo tanto poñeremos en marcha un plan de mobilidade municipal dotando de transporte ás parroquias que conecte co casco urbano e os servizos. Ademais nas mesmas parroquias é necesario acometer un plan de aglomerados e seguridade peonil convertendo as estradas municipais nun referente comarcal, aglomerando e dotando de seguridade e calmado de tráfico, con sendas peonís onde sexa posible, priorizando as estradas de maior tránsito.

Por último, pero non menos importante, a modernización do Medio rural para a o asentamento de poboación é primordial. Polo tanto debemos REMATAR COA FENDA DIXITAL: Dotar de internet a todo o rural, acordar coas empresas instaladoras a colocación de postes e tendido, así como achegar internet a locais sociais, edificios públicos e áreas recreativas.

Desta maneira vivir no rural non será sinónimo de precariedade e poderá permitir que o asentamento poboacional sexa unha realidade.

O BNG DE VILA DE CRUCES FORNECERÁ DOS SERVIZOS PÚBLICOS NECESARIOS ÁS PARROQUIAS