O BNG DE VILA DE CRUCES TRASLADA O SEU COMPROMISO E INICIATIVAS Á ANPA DO CEIP NOSA SEÑORA DA PIEDADE.

Fiuza comprométese coa ANPA a trasladar unha iniciativa ao Parlamento Galego para unha reforma integral do C.E.I.P de Vila de Cruces, así como á creación dun Consello Escolar Municipal, e a xestionar o financiamento e apoio ás diversas ANPAS do concello para que poidan desenvolver proxectos enriquecedores para as máis cativas e cativos.

Na reunión mantida entre a directiva da ANPA do C.E.I.P. de Vila de Cruces e o BNG, deuse conta por parte da asociación das deficiencias que presenta o centro, como as humidades e goteiras que entran nas aulas de infantil, almacéns, entrada do edificio de primaria onde se tivo que retirar parte do teito por perigo de desprendemento, a necesidade de mellora do firme da rampla de acceso ao centro, que dificulta enormemente ás crianzas con necesidades.  E tamén se tratou a necesidade histórica da creación dun corredor para que as crianzas non se mollen os días de choiva.

Para cubrir estas deficiencias o BNG trasladará unha iniciativa ao Parlamento Galego dunha reforma integral do edificio de educación primaria, onde poder reubicar ás crianzas do segundo ciclo de infantil, que todos os días de choiva teñen que mollarse para poder acudir ao comedor. “Esta solución é factible debido ao descenso de alumnado que sufriu o centro nas últimos tempos, falamos de preto de 200 crianzas, é esencial adaptar o centro ás necesidades actuais e acometer esta reforma”. “tamén se dará traslado nesta iniciativa a necesidade de proxectar un corredor cuberto dende a entrada das crianzas que asisten en autobús para evitar molladuras”.

Ademais o BNG xestionará a construción dun patio exterior cuberto e un espazo con elementos lúdicos para as crianzas de educación infantil, despois de anos de abandono dun patio exterior inmenso e desaproveitado.

CREACIÓN DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL:

É  fundamental a coordinación entre concello, centros educativos e outras institucións municipais. Por isto o BNG creará un Consello Escolar Municipal. Será un órgano consultivo, e estará composto por representantes das familias dos distintos centros, profesorado, alumnado no caso do I.E.S. Marco do Camballón, sindicatos e grupos da corporación. Este organismo terá como fin o de programar investimentos en materia educativa, actuar nos servizos educativos complementarios e extraescolares con incidencia no  funcionamento dos centros docentes, tales como transporte escolar, comedores, servizos de limpeza e  conservación, xestión dos programas de conciliación, fomento das actividades tendentes a mellorar a calidade educativa, especialmente no que respecta a a adaptación da programación ao medio, entre outras.

FINANCIAMENTO PARA ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES PROPOSTAS POLAS ANPAS:

O BNG creará unha partida orzamentaria ambiciosa para subvencionar por concorrencia competitiva os proxectos e iniciativas propostas polas ANPAS do municipio, co fin de que estas poidan iniciar o curso escolar con fondos para desenvolver os seus proxectos, e deixar atrás as subvencións nominativas que non cubren as súas necesidades.