FIUZA COMPRÓMETESE COAS TRABALLADORAS DO S.A.F. A REGULAR A SITUACIÓN LABORAL, ASÍ COMO A AMPLIACIÓN E DIVERSIFICACIÓN DO SERVIZO

O BNG aposta por ampliar e diversificar a oferta de atención ás persoas maiores, e velar polos dereitos das mulleres traballadoras dun sector tremendamente precarizadas.

Actualmente o servizo de SAF que ofrece o concello de Vila de Cruces dase a través dunha concesión privada, atendendo ao redor de 45 usuarios, e cunha lista de agarda que duplica o servizo.

O candidato do BNG comprometeuse na reunión mantida co persoal, a esixir que o goberno convoque reunión da empresa coa corporación para dar conta do estado do servizo, e da situación das traballadoras.

"Débense regular as xornadas laborais e os salarios, así como a zonificación das persoas usuarias para facilitar e mellorar as condicións das traballadoras".

Advirte o BNG do maltrato laboral que sufren as traballadoras, provocado polo abandono dun goberno que non fai un seguimento dos servizos que contrata.

 

Poboación avellentada e creación de postos de traballo:

O futuro de Vila de Cruces tamén pasa por mellorar e ampliar os servizos, e o BNG comprometémonos cos máis maiores, coa creación do Centro de Día, apoio incondicional a centros como a Casa do Maior, e a creación dun departamento cuxo fin sexa orientar e favorecer o autoemprego neste sector, que é unha boa saída laboral debido ao avellentamento da nosa poboación en Vila de Cruces.

O candidato do BNG, Fiuza, adiantoulle ás traballadoras que no caso de acceder á alcaldía procurará a viabilidade da municipalización do SAF, para así poñer fin ao descontrol e a especulación dun servizo tan fundamental para os nosos maiores.Tamén se comprometeu a crear uns orzamentos que realmente sexan sociais, para poder ampliar a oferta de atención de persoas con dependencia, e invertir a situación actual, na que hai máis persoas en lista de agarda que atendidas.